8M 2025 Barouta: “Atravesemos os muros” – Begoña Vázquez

O pasado 10 de marzo foi o momento de celebrar en Barouta o 8M coa visita da recoñecida cociñeira Begoña Vázquez.

O Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero insta este 8M a acelerar a acción! A rematar coas fendas de xénero e a que sigamos construíndo sociedades nas que non haxa traballos feminizados nin masculizados senón unha igualdade real, para que os coidados sexan valorados e exista corresponsabilidade nós mesmos. En Barouta como cada ano pasamos á acción este ano atravesando os muros que nos dividen e crean desigualdade. En relación co noso PDI Paparouta quixemos visibilizar a realidade existente en relación á cociña. Cando se trata de cociña no ámbito privado, na casa, no coidado son as mulleres quen se ocupou maiormente e quen, aínda que imos camiñando cara a corresponsabilidade, se segue ocupando.

Porén cando falamos de alta cociña a representación das mulleres é mínima (só o 10% das Estrelas Michelín no estado son de mulleres, algunhas compartidas con homes).

Para reverter está desigualdade precisamos corresponsabilidade nós coidados e referentes femininas, por iso contamos coa presenza de Begoña Vázquez mellor cociñeira de Galicia do ano 2024, a primeira muller en obter este premio. Grazas Begoña por compartir con nós tempo, experiencias e comida e por ir abrindo camiño e axudar a construír un mundo no que, tal como insta a ONU este 8M, todas e todos teñamos igualdade de oportunidades, de dereitos, de poder e de liberdades.

En Barouta seguimos loitando e comprometidos coa igualdade e co feminismo, e un día máis atravesamos os muros!

Manifesto 8M:

As mulleres, polo xeral, son quen principalmente se ocupa das tarefas de coidado, entre elas a cociña. As mulleres foron tradicionalmente as cociñeiras nas casas, as que gardaron as cantigas, os contos e as receitas… Porén cando falamos de alta cociña as mulleres toparon cun muro… este lugar de prestixio, de poder está liderado por homes. As mulleres están formadas, teñen coñecementos, capacidade e talento… máis son poucas ás que chegan a facerse un oco.

Hai dúas cousas fundamentais que debemos facer para que a igualdade sexa unha realidade neste e outros ámbitos: homes e mulleres deben corresponsabilizarse dentro da casa, na cociña e nos coidados. Debemos darlle o valor que teñen estas tarefas fundamentais para a vida e a sociedade, e ocuparnos entre todas. Imos polo bo camiño!
E tamén debemos visibilizar ás mulleres que van abrindo camiño fóra, ás mulleres da alta cociña, mulleres como Begoña Vázquez mellor cociñeira de Galicia do ano 2024 que han de ser referentes para todos e todas e que hoxe nos acompaña.

Vivimos nun mundo cheo de persoas, persoas diversas e únicas… persoas que fan cousas, que coidan, que aman, que traballan, que xogan, que bailan, que crean, PERSOAS QUE COCIÑAN.
Persoas que viven en comunidade, en tribo porque se precisan, porque xuntas é máis doado construír, alimentar, coidar, crear, medrar, curar, SABOREAR…
E pouco a pouco e sen darnos conta empezamos a poñer etiquetas: cousas de homes e de mulleres, de nenos e nenas, empezamos a ocupar lugares diferentes dentro e fóra, a construír muros que nos impiden avanzar en igualdade… muros nos que os cartos son máis importantes que os coidados, muros nos que as mulleres quedan na casa e os homes saen o mundo, muros nos que os homes non choran nin pintan as uñas, muros nos que as mulleres morren por selo, nos que as mulleres cobran menos por facer o mesmo traballo, muros nos que os homes teñen que loitar e competir, nos que os homes non se permiten as apertas e o coidado. Muros que dividen.

E hoxe en Barouta dicimos que chegou o momento de atravesar os muros! Atravesemos xuntas os muros para construír un mundo no que sexamos iguais en dereitos, oportunidades, poderes e liberdades.

Ver Imaxes

Referencias:

 


Financiado pola Unión Europea. As opinións e puntos de vista expresados só comprometen á(s) súa(s) autora(s) ou autor(es) e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou os da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA). Nin a Unión Europea nin a EACEA poden ser considerados responsables deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.