8M 2026 Barouta – Elas Contan (8 mulleres, 8 espazos)
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Un proxecto pendente consiste en nomear as aulas do centro co obxectivo de habitar os espazos escolares dun xeito máis consciente e transformador. Este 8M propoñemos comezar este camiño nomeando 8 aulas con nomes de mulleres galegas (moitas que viven no concello) referentes en diferentes ámbitos: artes escénicas, música, artesanía, ciencia, escrita, audiovisual, agrario e activismo. Un aula con nome propio é un espazo habitado, un lugar simbólico de recoñecemento e igualdade. Recoñecemento da importancia destas mulleres para nós como galegas, como mulleres, como persoas, como sociedade.

Para a conmemoración do 8M organizaremos un encontro no centro con oito mulleres, que participarán a modo de “libros vivintes”.

Cada muller virá contar en primeira persoa a súa historia:

  • Como foron os seus comezos.
  • Que dificultades atopou.
  • Que a inspirou a seguir.
  • Como habita ela o seu espazo no mundo.

O alumnado poderá escoitar, preguntar, dialogar e establecer unha relación directa coa referente que leva o nome da aula ou espazo. Non serán biografías afastadas nun libro, senón vidas reais, próximas, con voz propia.

Deste xeito, o proxecto transcende o simbólico: non só poñemos nomes ás aulas senón que poñemos rostro, voz e experiencia.

O venres 6, despois do tempo de patio, cada muller estará ocupando o lugar que nomeará, o alumnado saberá previamente cal é e terá que dirixirse ao encontro da primeira muller escollida. Finalmente, antes de rematar a xornada, reunirémonos no punto de encontro para ler o manifesto.

CONVITE FAMILIAS
Como familias, tamén podedes compartir con nós este momento, recollendo as entradas no colexio, xa que o aforo é limitado. Poderanse recoller dúas entradas para coñecer a dúas mulleres en dúas quendas diferentes.

Aquí vos amosamos os carteis que van nomear os espazos e que irán acompañados dun código QR para poder acceder a un vídeo de cada una delas que relizarán en exclusiva para o noso colexio:

Referencias:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.