O venres foi un día especial na escola! Por primeira vez neste curso puxemos o chuvasqueiro para realizar a nosa saída semanal ao bosque!
Como parte da nosa rutina, comezamos na asemblea falando sobre o tempo que facía e sobre a importancia de ir ben equipadas e equipados para disfrutar da actividade con comodidade e seguridade.
Despois trasladámonos aos baños para coller o chuvasqueiro e poñelo. Este momento permitiunos traballar a autonomía (vestirse soas e sós, coidar da súa roupa) pero tamén a cooperación axudando a outras compañeiras e compañeiros que o precisaron.
Cada neno/a vestiu o seu chuvasqueiro, as botas de auga e marchamos ao monte coa seguridade de que non nos iamos mollar.
Queremos destacar o ben que as crianzas se adaptaron á nova situación e o entusiasmo co que afrontaron a experiencia.
No camiño gozamos da natureza tal e como se presenta no outono:
- follas molladas e brillantes,
- cogumelos medrando por todas partes,
- caracois e lesmas paseando polos camiños (incluso atopamos algún sapo),
- pequenas pingas nos arbustos e sons novos no bosque.
A chuvia non impediu o xogo nin a experimentación. Foi unha oportunidade para facer novas observacións sensoriais: o arrecendo da terra mollada, o son da chuvia nas árbores ou a sensación de camiñar e saltar nas pozas.
No bosque combinamos tempos de exploración libre, nos que puideron investigar segundo os seus intereses, con momentos de observación e conversa sobre como as plantas e os animais viven nos días de chuvia. Esta saída axudounos a fomentar a curiosidade, o respecto polo medio natural e a capacidade de adaptación.
Voltamos á escola contentos e descubrindo un novo camiño de regreso xa que desta vez voltamos polo campo da horta.
Foi a primeira saída con chuvasqueiro… e estamos seguras/os de que non será a última!





