No Ambiente Laboratorio, no 2º trimestre, estivemos a traballar o dereito á vida.
Partimos da idea de que este dereito pertence ás persoas (relación directa co PDI “Son de Paz”),pero tamén a todos os seres vivos que habitan o noso planeta (relación directa coas temáticas do propio ambiente) e, polo tanto, todos os seres vivos teñen dereito á vida 🌍.
Para comezar, fixemos unha primeira aproximación diferenciando entre seres vivos e seres inertes. A través da observación e clasificación de distintos elementos presentes no ambiente (plantas, animais e obxectos), as nenas e nenos foron construíndo este concepto. Ademais, rexistramos as nosas descubertas mediante debuxos, o que nos permitiu expresar e consolidar o aprendido.

A continuación, centramos a nosa atención no dereito á vida das persoas, en relación co noso PDI Son de Paz. A partir dun faladoiro apoiado con imaxes reais, xurdiron reflexións moi interesantes. As nenas e nenos chegaron a conclusións importantes: o dereito á vida é poder vivir ben, e vivir ben implica ter casa, familia, alimento, roupa, acceso a unha médica ou médico cando estamos enferm@s ou a unha escola onde aprender; o dereito á vida é poder vivir en paz, en calma, tranquil@s.
Para profundizar nestas ideas, realizamos unha actividade de contraste: clasificamos imaxes da nosa realidade (a nosa casa, a nosa familia, o noso centro de saúde, a nosa escola…) xunto con imaxes de cidades en zonas de conflito. Isto permitiunos reflexionar sobre as desigualdades e valorar a importancia de garantir este dereito. Tamén nos preguntamos quen debe asegurar o dereito á vida, chegando á conclusión de que son as persoas adultas as responsables de garantilo.

A partir destas reflexións, creamos lemas para defender este dereito tan importante:
- “Dereito á vida é vivir ben”
- “Dereito á vida é vivir en paz”
- “Adultos e adultas, deixade de pelexar”

Desde o noso laboratorio, ampliamos a mirada cara ao resto dos seres vivos, entendendo que todos teñen dereito á vida. Así, aprendemos que os seres vivos clasifícanse en cinco reinos: animais, plantas, fungos, moneras e protistas.
No caso dos animais, reflexionamos sobre o que significa vivir en liberdade fronte a vivir encerrados (como as baleas ou golfiños en acuarios, tigres en circos…), así como sobre o traballo excesivo dalgúns animais (como camelos ou cabalos transportando xente en zonas de clima moi cálido para dar paseos turísticos). Isto axudounos a desenvolver unha mirada crítica e respectuosa. Deixamos rexistro gráfico debuxando animais libres no seu hábitat.

Coas plantas, realizamos pequenas plantacións de garavanzos, lentellas, fabas e cabaza en diferentes condicións (con luz e auga, sen luz, sen auga…) e formulamos hipóteses sobre cales medrarían e cales non. Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu observar directamente as necesidades dos seres vivos e o ciclo da vida.
Tamén aprendemos sobre as árbores diferenciando as de folla perenne e as de folla caduca.

Para coñecer os fungos, aproveitamos as nosas saídas ao monte e trouxemos ao laboratorio un tronco con pequenos fungos brancos. Así puidemos observalos de preto e comprender mellor este reino.
Aprendemos tamén sobre o grupo das moneras, no que se atopan as bacterias (algunhas prexudiciais pero outras necesarias para a vida), e sobre o reino protista, onde se inclúen as algas. Observamos as diferentes formas e cores que poden presentar, onde viven ou onde poden vivir…

Todo este proceso foi acompañado de diferentes rexistros plásticos nos que empregamos materiais como papel celofán ou trapillo para elaborar algas, limpapipas e papel de seda para facer bacterias, plastilina para modelar diferentes animais, a nosa pegada dactilar para transformala nun animal, cortiza para elaborar pequenos fungos, troquelados de follas para dar forma ao reino vexetal … e así representar o aprendido de forma creativa realizando un pequeno libro sobre os seres vivos.
Cando tivemos todas as páxinas do libro elaboramos a cuberta. Titulámono: “DEREITO Á VIDA. SERES VIVOS” e na nosa cuberta, tipo”lapbook”, representamos os 5 reinos.

No Laboratorio, a arte, en todas as súas formas ten un espazo moi importante. Vinculamos o “Dereito á vida” co cadro “Guernica” de Picasso e coa obra “El gran abrazo” de Menchu Lamas. Visionando os dous cadros e dialogando, establecemos unha análise pictórica e filosófica das dúas obras para posteriormente elaborar, inspirándonos na obra de Menchu Lamas, o noso propio cadro “A gran Aperta” compoñéndoo coa técnica do collage empregando papeis de diferentes formas, tamaños e cores.

Resultou unha temática moi completa e significativa, que nos permitiu coñecer mellor o mundo que nos rodea e reflexionar sobre a importancia de coidar e respectar a vida en todas as súas formas.

