Aprendendo a coidar os ríos: xornada no monte con COGAMI
Tempo de lectura: 2 minutos. 

O día 30 de abril realizamos unha nova saída ao monte para seguir aprendendo en contacto coa natureza. Nesta ocasión, vivimos unha xornada moi especial grazas á visita de catro membros de COGAMI, que nos acompañaron durante toda a actividade.

Ao comezo da saída explicáronnos que eran ecoloxistas e que o obxectivo da xornada era concienciarnos sobre a importancia de coidar e preservar os ríos e os espazos naturais que nos rodean.

A primeira misión do día foi localizar o noso regato. A medida que avanzabamos polo monte, fomos observando a contorna e descubrindo diferentes elementos da natureza, aprendendo tamén a importancia da auga para os ecosistemas e para a vida das persoas e dos animais.

Unha vez atopado o regato, os membros de COGAMI organizaron distintas actividades e dinámicas co alumnado, sempre relacionadas co respecto polo medio ambiente e coa necesidade de manter limpos e coidados os nosos ríos.

Como peche da xornada, convertémonos en pequenos científicos e científicas. Recollemos unha mostra de auga do regato e analizamos o seu pH para comprobar se era apta para beber ou non.

A experiencia resultou moi interesante, xa que o alumnado de Infantil puido descubrir como a ciencia tamén nos axuda a coñecer o estado do medio natural. Neste caso, comprobamos que a auga non era apta para o consumo, o que deu pé a reflexionar sobre a contaminación e sobre a importancia de protexer os recursos naturais.

Sen dúbida, foi unha xornada moi especial que nos axudou a seguir medrando como persoas máis conscientes e comprometidas co medio ambiente.

Grazas Adriana, Yasín, Miguel e Javier e á profe Pili por ter unhas propostas tan boas e divertidas!

Ver imaxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.