Arredor da Horta: Continuamos coa Plantación
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Tras uns meses de preparación, no Nadal, deixamos os bancais preparados e abonados, tapados cunha capa de follas e incluso preparamos un pequeno invernadoiro nun deles onde deixamos plantadas unhas patacas e unhas leitugas.

Á volta das vacacións, queríamos retomar o traballo na horta para comezar coa plantación. Esta actividade tivo que adiarse varias veces debido ás múltiples borrascas que atacaron a nosa zona e converteron en diluvio os diferentes días de horta que se foron sucedendo. Para compensar ese tempo, creamos uns pequenos sementeiros, no patio do colexio, nunha zona cuberta para evitar a chuvia onde puxemos sementes de: cenoria, leituga, tomate azul, chícharos, tirabeques, … E logo dun tempo xa comezan a agromar…

Screenshot

Pasados os días, chegou o sol e por fin puidemos retomar o traballo e plantar as sementes das diferentes plantas que agardamos ver medrar e, se fose posible, colleitar antes de marchar do colexio. As plantacións foron moi diversas e contamos en todo momento coa participación e axuda das persoas voluntarias que están facendo un traballo marabilloso organizando e dirixindo todos os traballos de preparación, coidado e plantación nos diferentes bancais.

O alumnado plantou tirabeques, cebolas, repolos, cabazas, leitugas, caraveis, ceboliño, patacas, incluso flores para a polinización, nos bancais e quedaron preparados para que, pouco a pouco, vaian brotando as sementes e poidamos velas medrar. Tamén plantamos unhas framboesas (donadas por unha familia) pegadas ao muro. Agora queda un período no que temos que asegurarnos de que estén ben hidratadas e quitarlles as malas herbas que vaian medrando. Estamos gozando moito co traballo na horta e coa axuda e sabedoría das persoas voluntarias que están conseguindo que a nosa horta sexa un traballo da comunidade e vaia acadar un aspecto fabuloso.

Screenshot

Moitas grazas ás persoas voluntarias pola súa disposición, participación, organización e titorización de todo o proceso. É un pracer contar con vós.

Deixamos algunhas fotiños do traballo realizado e estarán dispoñibles o resto de fotos na galería do colexio.

Enlace ás fotos da galería primaria.

Enlace ás fotos da galería infantil.

Agardamos que poidades comprobar o ben que o pasamos na horta e que sexan do voso agrado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.