Banco de Sementes de Barouta – Colabora!!!
Banco de Sementes Barouta

Imos crear o noso propio banco de sementes en Barouta, que este curso mesmo viaxarán a outros países.

A Bóveda Global de Sementes de Svalbard

Funciona como a caixa de seguridade dun banco, pero para sementes. É un depósito onde resgardar un exemplar de cada semente existente nos bancos xenéticos de todos os países para ser replicada en caso de desaparición a causa de catástrofes naturais ou conflitos bélicos. É unha contribución á biodiversidade do planeta e unha forma de asegurar o abastecemento de alimentos para o mundo.

Dende que a agricultura alimenta á humanidade, os pobos de todo o mundo foron seleccionando, gardando e compartindo sementes. Aquí en Galicia sabémolo ben, isto fíxose toda a vida, ir gardando sementes dun ano para outro, intercambiar e compartir coa veciñanza para, de maneira consciente ou non, asegurar a biodiversidade e que todas as persoas tiveran que comer.

Hoxe en día segue a ser moi importante esta labor para garantir a pervivencia de variedades vexetais que nos levan alimentando por xeracións, e por iso en Barouta queremos crear o noso propio banco de sementes, axudádesnos?

Como colaborar no Banco de Sementes de Barouta.

É ben fácil:

1.- Preguntades na casa, ás veciñas, os curmás, ás avoas… Se teñen sementes da súa horta, das que gardan de tempada en tempada, (non serven mercadas porque esas ás veces están modificadas e non volven dar). Tamén valen flores!

2.- Metede unhas pouquiñas nun sobre (non importa se son 2 ou 20).

3.- Cubride o sobre con:

  • Nome da semente en galego (o dos outros idiomas queda para nós)
  • Ano de recollida: ao mellor son da tempada pasada, ao mellor de hai dúas, indicar o ano no que foron colleitados.
  • Riscade os meses nos que se sementa e nos que se recolle.
  • Dicas: anotar calquera consello sobre a lúa, rego, luz…
  • Porte: indicade se precisa titor, se é de mata baixa…

4.- Traede de volta ao cole e pasará a formar parte do BSB (Banco de Sementes de Barouta).

Algunhas destas sementes mesmo viaxarán a Bretaña e Portugal para intercambiar con outros centros de alí!

 

Financiado pola Unión Europea. As opinións e puntos de vista expresados só comprometen á(s) súa(s) autora(s) ou autor(es) e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou os da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA). Nin a Unión Europea nin a EACEA poden ser considerados responsables deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.