Barulla Barouta: cando a arte chegou para facernos escoitar.
Tempo de lectura: 3 minutos. 

Este curso demos a benvida a PLANEA, a Rede de Arte e Escola, unha iniciativa que aposta por colocar as prácticas artísticas no corazón da vida escolar para transformar as maneiras de aprender, convivir e mirar o mundo.

Mais a verdade é que PLANEA non chegou de golpe a Barouta. Leva meses tecéndose. Mainiño. Con tempo. Con preguntas.

Porque se algo adoita facer a arte cando chega a un lugar é enchernos a cabeza de preguntas e axudarnos a mirar o que nos rodea doutro xeito.

Para comezar, fixemos un mapeo das necesidades do centro. Consultamos ás familias, ao profesorado e ao alumnado a través do Consello da Infancia. Escoitamos moitas voces e abrimos espazos de diálogo para pensar xuntas e xuntos que tema queriamos explorar.

E apareceu unha palabra que facía eco en todas partes: o ruído.

O ruído como onda sonora, pero tamén o ruído visual. O ruído que levamos dentro. O ruído que ás veces aparece nos vínculos e nas relacións. Entre todas esas posibilidades escollemos como porta de entrada a dimensión sonora.

O profesorado formouse e ampliou a súa rede de aprendizaxe conectando con outras experiencias do Estado. E neste camiño tivemos a sorte de coñecer a tres persoas creadoras que nos acompañaron na aventura: o artista sonoro Xoán-Xil López, investigador das paisaxes sonoras e da escoita atenta, cuxo traballo explora os sons do territorio a través da gravación de campo e a experimentación sonora; e as artistas Branca Novoneyra e Tania Martínez, integrantes de Outonía, un proxecto que explora as relacións entre arte, comunidade, territorio e educación a través de procesos creativos compartidos. E dende o comezo con nós Rexenerando e Olga acompañándonos con coidado e moita escoita.

E así naceu Barulla Barouta.

Comezamos a barullar e tamén a debullar.

Da man das artistas exploramos o son a través de diferentes dinámicas. Debuxamos nos mapas de Barouta os sons que nos rodean e como nos fan sentir. Escoitamos os espazos, imitamos os seus sons, observamos o que normalmente pasa desapercibido e preguntámonos como soa o noso cole.

Polo camiño xurdindo pequenas propostas que nos axudaron a afinar a escoita:

Tantos Barullos, para crear o noso catálogo ilustrado colectivo de sons.

Camiñar a escoita, un paseo polo centro para adestrar os oídos e descubrir sons que sempre estiveron aí.

Escoitar o patio, cando unhas misteriosas cadeiras apareceron no recreo convidándonos a parar, sentar e simplemente escoitar.

Sons Invisibles, unha proposta na que Óscar gravou algúns deses sons que nos acompañan cada día sen que apenas nos decatemos deles.

Tamén fixemos gravacións, recompilamos observacións e seguimos facéndonos preguntas.

E con todo este material chegarán algunhas sorpresiñas o día da Romaría…

Así que quedade moi atentas e atentos.

Porque Barulla Barouta veu para quedar. Durante os próximos dous cursos seguiremos explorando a través da arte, facendo preguntas e descubrindo novas maneiras de mirar, escoitar(nos) e habitar a escola.

Porque tal vez as preguntas son máis importantes que as respostas seguiremos preguntándonos.

Que é realmente a arte?

Que é o ruído?

É o mesmo ruído para ti que para min?

Como me fan sentir os sons?

Que cousas deixamos de escoitar cada día?

E que pode pasar cando decidimos parar… e prestar atención?

* Fotografías realizadas por Illa Bufarda.

Peza sonora Radio Ames.

Barulla Barouta. Tríptico.

Descargar tríptico Barulla Barouta en PDF

 

Ver máis contidos de #PLANEA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.