Este proxecto nace dunha proposta do EDLG que vincula o PDI “SON DE PAZ” coa Declaración Universal dos Dereitos das Nenas e Nenos de 1959 e coa Convención sobre os Dereitos da Infancia de 1991 (CDN), co obxectivo de promover no alumnado unha reflexión crítica sobre o respecto e a protección dos dereitos fundamentais da infancia.
A iniciativa xorde da necesidade de sensibilizar sobre a vulneración cotiá destes dereitos en distintos contextos de conflito a nivel internacional, como Palestina, Ucraína, Haití, Sudán, Afganistán, Siria ou India, entre outros, fomentando unha mirada empática, crítica e comprometida coa realidade global.
O traballo desenvolveuse a partir da inspiración na obra do fotógrafo dixital turco Uğur Gallenkuş (Estambul, 1990), quen emprega a fotomontaxe como ferramenta de denuncia social. Seguindo este enfoque artístico, o alumnado de Barouta elaborou creacións visuais nas que representa distintos dereitos da infancia, transformándoos en mensaxes de sensibilización e conciencia social.
A actividade foi financiada polo Programa Jean Monnet, en coherencia cos seus obxectivos de promoción dos valores europeos, a educación para a cidadanía democrática e a difusión dos dereitos humanos, favorecendo o pensamento crítico, a participación activa e a formación dunha cidadanía comprometida coa paz e a xustiza social.
Ver mostra do calendario
Financiado pola Unión Europea. As opinións e puntos de vista expresados só comprometen á(s) súa(s) autora(s) ou autor(es) e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou os da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA). Nin a Unión Europea nin a EACEA poden ser considerados responsables deles.


