Familias de Educación Infantil,
O inicio do curso sempre vén acompañado dun momento moi importante para as nosas crianzas: o período de adaptación. Durante estes primeiros días, pouco a pouco, foron familiarizándose co novo contexto escolar, avanzando ao seu ritmo e sentíndose cada vez máis seguras e seguros.
Neste tempo, as nenas e os nenos tiveron a oportunidade de coñecer e explorar diferentes espazos do centro: o estanque, o patio, os ambientes de aprendizaxe… Lugares que pouco a pouco van facendo seus e nos que comezan a moverse con confianza e curiosidade.
Ademais, foron establecendo vínculos coas súas compañeiras e compañeiros, así como co profesorado, iniciando relacións baseadas no respecto, no coidado e na convivencia. Estes primeiros contactos son fundamentais para construír un clima de benestar no que aprender e medrar.
Queremos compartir convosco que o proceso está a desenvolverse de maneira moi positiva. As crianzas amosan cada día máis tranquilidade, interese e ganas de participar na vida da escola.
Seguimos avanzando neste camiño, acompañándoas e acompañándoos con agarimo, respecto e atención ás súas necesidades, para que a escola continúe sendo un espazo seguro e enriquecedor.
Grazas pola vosa colaboración e confianza.

