Descubrimos as árbores do monte da escola!
Tempo de lectura: < 1 minuto. 

Durante as últimas semanas continuamos coas propostas de Escola no Bosque, que nos permiten aprender en contacto directo coa natureza e descubrir os tesouros que agocha o monte da nosa escola.

Convertémonos en  exploradores e exploradoras para coñecer mellor as árbores que nos rodean. No noso monte podemos atopar carballos, castiñeiros, piñeiros e eucaliptos, e en cada saída centrámonos en descubrir unha delas.

Para axudarnos na identificación, levamos connosco diferentes imaxes destas árbores que nos serviron de guía durante a exploración. Observamos con atención as súas características: as follas, a cortiza, os froitos e tamén aprendemos a diferenciar entre árbores de folla caduca e de folla perenne.

A través da observación directa, da manipulación e da conversa, fomos descubrindo semellanzas e diferenzas entre as distintas especies, desenvolvendo a nosa curiosidade e o respecto polo medio natural.

De volta na escola, continuamos a aprendizaxe elaborando un chaveiro identificativo coas imaxes das árbores observadas, o seu nome e o seu froito correspondente. Este recurso axudaranos a lembrar todo o aprendido e poder utilizalo en futuras saídas ao bosque.

Ademais, deixamos constancia da experiencia mediante un rexistro gráfico, realizando unha composición en papel con rotuladores na que representamos as observacións e descubrimentos realizados durante as nosas exploracións.

Seguimos aprendendo da natureza, observando, investigando e gozando de cada recuncho do noso bosque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.