O pasado martes 9 de xuño, o alumnado de 5º e 6º do club de lectura, fixo unha saída á localidade de Portomarín (Lugo). A viaxe estaba enmarcada dentro das actividades do club para facer un roteiro literario baseado no libro de Antía Yáñez “O misterio de Portomarín” que este curso limos no club. A intención era visitar os diferentes lugares aos que se fai referencia no libro, velos in situ e facer algunhas actividades relacionadas con eles, así como coñecer un pouco máis deste fantástico lugar e algo da súa historia.
Comezamos visitando a Liberty Bell (da que hai outro exemplar no Vicedo), despois de cruzar a ponte nova. Á volta paramos na Escalinata e contamos a historia que sucedía no libro nese lugar. Despois de subila, paramos na estrela dos desexos e cada un posou para a foto e pediu un desexo. A continuación, sacamos unha foto no cartel de Portomarín. Máis tarde, paramos a petiscar no Parque dos Parabéns. Seguidamente, fumos á plaza central onde están a Igrexa de S. Nicolás, a Casa do Concello e o Pavillón. Alí fixemos varias actividades, unha búsqueda do tesouro na que tiñan que buscar pistas no edificio da Igrexa, un mural sobre os talentos das avoas (“A avoa gánster”) e tamén aproveitamos para visitar a Igrexa por dentro. Por último, fumos camiñando ata o Parque de S. Antonio e puidemos ver a Igrexa de S. Pedro, preparar e gravar unhas recomendacións lectoras sobre os libros lidos e xantar na sombriña, xa que fixo un día moi caloroso.
Despois, un pouco de tempo libre e de volta para o colexio.
Pasárono en grande e coñecemos un dos lugares máis peculiares e cunha historia curiosa da nosa xeografía. Grazas á profe Laura por acompañarnos e axudarnos con todo, a todo o alumnado do club polo seu traballo e implicación e, a seguir lendo! que na lectura descubrimos historias fabulosas e lugares fantásticos.

