Con motivo da celebración do Día da Nena e a Muller na Ciencia, o alumnado de 6º de Educación Infantil participou nunha actividade moi especial que achegou o mundo da investigación ás aulas. Durante unha sesión, tivemos a sorte de recibir a visita de Sonia Pardo e Carla Coedo.
Sonia é técnica de anatomía patolóxica e citoloxía e adícase a facer traballos de estudos xenéticos dentro do Sergas. Por outra banda, Carla é bióloga e está facendo a súa tese doutoral no grupo de cancro de mama da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
Aínda que xa levaron a cabo máis actividades de divulgación a través do seu xerente o doutor Ángel Carracedo con alumnado de secundaria ou universidade, nesta ocasión foi a primeira vez que guiaron ao alumnado de Infantil a levar a cabo un interesante experimento: a extracción do ADN dun amorodo.
Esta iniciativa permitiu descubrir, dunha forma sinxela e práctica, algúns dos segredos que agocha a ciencia, ao tempo que se puxo en valor o papel das mulleres no ámbito científico.
Ao longo da sesión, as científicas explicaron ao alumnado que é o ADN e por que é tan importante para todos os seres vivos.
A través dun proceso guiado paso a paso, os nenos e nenas puideron observar como se pode extraer o ADN dun amorodo utilizando materiais sinxelos.
A curiosidade e a sorpresa estiveron presentes durante toda a actividade, especialmente no momento no que apareceu esa substancia esbrancuxada que contén a información xenética do froito.
Grazas ás dúas por achegarnos a ciencia ás nosas aulas!!
Ver imaxes

