O alumnado de Educación Infantil realizou o luns 11 de maio unha saída moi especial a Santiago de Compostela para visitar a exposición de Chema Madoz, unha experiencia cultural e artística moi enriquecedora.
Ao longo da mañá, as nenas e os nenos tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da fotografía e da creatividade a través das sorprendentes obras deste artista, coñecido polas súas imaxes cheas de imaxinación e significado.
Durante a visita, dúas monitoras acompañaron ao grupo guiando a actividade e explicando diferentes aspectos da exposición dun xeito adaptado á idade dos nenos e das nenas. Grazas ás súas explicacións, puideron observar as fotografías con atención, descubrir detalles curiosos e interpretar as imaxes dende a súa propia mirada.
Ademais de percorrer a exposición, o alumnado participou nunha actividade relacionada coas obras, facendo da visita unha experiencia máis dinámica e participativa.
Ao rematar a visita, aproveitamos a mañá para ir merendar a un parque da cidade. Alí, o alumnado puido descansar, xogar e compartir un tempo de lecer cos seus compañeiros e compañeiras mentres agardabamos pola chegada do autobús.
Sen dúbida, foi unha mañá moi especial na que aprendemos, descubrimos e gozamos xuntos dunha nova experiencia fóra da aula.

