A educación viaria é unha peza clave na formación das nenas e dos nenos dende idades temperás. Con este obxectivo, o día 14 de xaneiro, celebrouse no colexio de Barouta unha xornada de educación viaria. Esta é unha iniciativa pensada para achegar as normas básicas de circulación dun xeito práctico, dinámico e adaptado á infancia.
Durante a xornada o alumnado tivo a oportunidade de aprender conceptos fundamentais relacionados coa seguridade viaria, tanto como peóns como usuarios e usuarias de bicicletas ou outros vehículos. A través do xogo e da experiencia directa as nenas e os nenos interiorizaron normas que resultan esenciais para o seu día a día.
As actividades desenvolvidas incluíron circuítos de circulación adaptados, identificación de sinais de tráfico, explicacións sinxelas sobre prioridades, semáforos e pasos de peóns, así como dinámicas participativas nas que o alumnado foi o verdadeiro protagonista.
A resposta do alumnado foi moi positiva. As nenas e os nenos amosaron interese, curiosidade e moitas ganas de participar facendo preguntas e compartindo experiencias do seu día a día.
Grazas á DGT por vir ao centro e compartir con todas nós esta aprendizaxe!

