Escola aberta e participativa – “DESCUBRINDO A CONTORNA”  [Patricia].
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Os días 20, 26 e 27 de febreiro o alumnado do colexio realizou diferentes obradoiros de exploración da natureza polo bosque da contorna do colexio organizados por Patricia (nai de Isla (alumna de infantil)), que preparou diferentes actividades nas que o alumnado puido converterse en persoas exploradoras aventureiras que observaban a natureza como científicos realizando hipóteses sobre os distintos retos que plantexaba a actividade. As actividades estaban centradas en coñecer a flora e a fauna autóctonas mediante a observación. A historia comezaba así:

Un grupo de exploradores, despois de vagar durante semanas polo mar, chegan co seu barco á beira dunha praia deserta, un lugar descoñecido para todos eles …

Así comeza a historia que encarnaron os alumnos do CEIP Barouta.
Como equipo tiñan unha misión: coñecer o medio a través da observación, análise, comparación e creación de hipóteses.
Uxía Montes do Mar agardábaos para guialos na súa investigación e recoñecemento do terreo. Un personaxe inventado para a ocasión. Unha muller emprendedora, exploradora, científica e aventureira que lles iría guiando ao longo de cada misión. Para que eles sacasen as súas propias conclusións.

O xogo axustouse a cada momento de desenvolvemento.

En infantil, foron o grupo de exploradores pioneiros que chegaban á zona. A súa misión era atopar un lugar onde acampar. Potenciouse a observación e o pensar nas diferentes opcións.
No primeiro ciclo de primaria, foron equipo de inspección científica. Despois de vir o grupo de exploradores pioneiros, eles tiñan a misión de clasificar, comparar e deducir… potenciouse o pensamento científico en contorna real. É dicir, deixábaselles facer as súas propias hipóteses e pensar se podían ser viables ou non.

E no segundo e terceiro ciclo de primaria, foron o consello de investigación de campo. O equipo anterior deixou observacións abertas sen conclusións. Eles analizaron e validaron as hipóteses. Potenciando a mirada crítica e curiosa.
Cada un deles fíxoo como equipo, potenciando o traballo colaborativo.

Neste enlace deixamos unha explicación máis completa da actividade realizada por Patricia para que poidades entender todas as misións que tiveron que completar:

EXPLICACIÓN DA ACTIVIDADE

Descubrindo a natureza (Documento PDF)

Foron unhas actividades moi interesantes e coas que o alumnado gozou moito e quedou con moitas ganas de repetir. Soamente nos queda agradecer a Patricia todo o seu traballo e esforzo, para que todas as actividades estivesen adaptadas aos diferentes niveis, preparadas a tempo para cada grupo e tan ben organizadas. Moitas grazas Pat!

Deixamos algunhas fotiños da actividade e o resto de fotos pódense consultar na galería de fotos do centro.

Galería de fotos da actividade

Agardamos que sexan do voso agrado e poidades comprobar o ben que o pasamos facéndoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.