O martes 4 de xuño o alumnado de 3º realizou a agardada saída polos muíños de Riamonte en compañía de Patricia, Xacobe, Fume e Gala familia de Kata. Estamos moi moi agradecidas foi unha experiencia chea de emocións, diversión e aprendizaxes.
Coñecemos un lugar que está moi preto de todas e todos nós mais que moitas non coñeciamos un lugar fermoso na natureza. Coñecemos a historia das persoas que o habitan e habitaron, aprendemos de como era a vida dos nenos e nenas da época das avoas e os avós: os xogos, os traballos (levar o gando, ir ao muíño…).
Coñecemos os nomes dos lugares (topónimos) que nos falan deles o muíño Novo que non é o máis novo, e o Vello que non é o máis vello, o Muíño da Pedra…
Falamos do equilibrio fráxil dos ecosistemas de como cada cambio afecta, por exemplo como a plantación de eucaliptos e a diminución do lobo fan que os xabaríns cheguen ás vilas e cidades e haxa cada día máis.
Vimos bechiños e prantas. Camiñamos e tomamos o noso petisco á beira do río e os muíños. Compartimos historias propias e alleas, contos e xogos improvisados polo camiño.
E escoitamos lendas, lendas que contaban e escoitaban os nenos e as nenas, lendas de cus, raposos, lobos e ausasoñas.
Foi unha gran oportunidade para desfrutar e coñecer a natureza, a contorna, as historias, os traballos, para sentirnos parte e así sentir desexo de respectala e coidala.
Grazas Patricia, Xacobe, Lume e Gala por acompañarnos hoxe e compartir con nós o voso tempo e saberes, grazas por ser tribo con nós.
Ver Imaxes
Referencias: