Escola de Familias | AFAcéndonos: 1ª sesión de formación
Tempo de lectura: 2 minutos. 

🔔 Achégase o día!

Comeza a primeira xornada de formación para familias. O vindeiro martes 28 ás 16.30 teremos a primeira sesión con:

Noelia Moreau Castro

Graduada en educación social pola USC, conta cun mestrado oficial en sexoloxía, educación sexual e asesoramento sexolóxico pola UCJC e outro de igualdade de xénero pola UEMC. Dende 2022 traballa na sección educativa do centro de sexoloxía con moito gusto! no que imparte unha media de 600 horas de educación sexual por curso en aulas desde infantil ata bacharelato, e recentemente acaba de ser acreditada como persoal docente para a formación en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Que nos vén contar?

O obxectivo desta actividade é a toma de conciencia de que o sexo é algo que forma parte de nós como persoas. Nacemos cun corpo sexuado e construímos unha identidade sexual, polo tanto, dende o momento no que percibimos o corpo dunha crianza comeza a educación sexual. As mensaxes inconscientes e conscientes, verbais e non verbais que lles transmitamos sobre os corpos, sobre os xeitos de vivirse e de expresarse, influirán na visión que constrúan sobre si mesmas e no desenvolvemento da súa identidade.

É vital que as familias, como axentes que inflúen e modelan o desenvolvemento cerebral e sexual das súas fillas e fillos, sexan plenamente conscientes da seu influxo, e se doten dos recursos necesarios para ofrecer unha educación sexual que favoreza un desenvolvemento integrado e saudable.

Dun xeito claro e ameno, promoverase un cambio de mirada cara a educación sexual, baseada en información científica actualizada co gallo de promover vivencias sexualmente felices, favorecendo que as familias sexan espazos seguros para tódalas persoas, aportando recursos, ferramentas e estratexias para levala a cabo.

Non perdades esta oportunidade de escoitar a unha excelente especialista, coa que poderemos conversar e a quén poderemos preguntar todas as nosas dúbidas e inquedanzas.

Agardámoste! 🥮

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.