O alumnado de 1º ciclo desenvolveu hoxe un obradoiro de matemáticas vivenciais que parte dun pretexto narrativo e dunha necesidade real: escoller o zapato perfecto para agasallar á sobriña da mestra.
A través da exploración, a manipulación e o traballo matemático, o alumnado dá resposta a este reto, aplicando procesos de reflexión, estimación, comprobación e cálculo.
Tras matematizar a situación —analizando os zapatos reais do alumnado—, iníciase un traballo matemático activo e contextualizado. Utilízanse policubos para representar datos, calculadoras para realizar operacións, e introdúcense conceptos estatísticos como a moda, o rango e a mediana para interpretar as preferencias e características dos zapatos.
Os nenos e nenas xustifican e argumentan a súa elección final, resolvendo o reto con criterio e sentido.
O mundo está cheo de datos, e os datos están ao noso redor. Aprender a recollelos, representalos, tratalos e interpretalos é unha das competencias matemáticas fundamentais para resolver problemas da vida cotiá de forma crítica e fundamentada.
Ver imaxes
Referencias:

