O luns 23 de marzo, antes das vacacións, realizamos unha excursión moi especial a Padrón. Foi unha xornada chea de aprendizaxes, descubrimentos e momentos para compartir.
Fixemos dúas paradas alá na vila de Padrón. Unha parada foi unha exposición de postais contra os lumes, unha iniciativa que buscaba concienciar sobre a importancia de coidar os nosos montes e previr os incendios forestais. Como tantos que houbo no final do verán pasado. Nesta exposición tamén estaban presentes as postais elaboradas polo noso alumnado, que participou previamente nesta proposta creativa aportando as súas propias mensaxes e reflexións. Foi moi divertido ver as propias postais, como se de artistas de verdade fora o noso alumnado de infantil!
Durante a visita tivemos a oportunidade de coñecer a Lois, quen organizaba a exposición e que nos explicou con entusiasmo o significado da iniciativa e o valor das creacións realizadas polos nenos e nenas. Foi unha experiencia moi enriquecedora poder ver exposto o traballo do alumnado (tanto de Barouta coma doutros centros escolares) nun contexto real.
Despois desta visita, continuamos a xornada no Xardín Botánico de Padrón, un espazo natural cheo de recunchos interesantes. Alí participamos nunha divertida busca do tesouro que nos permitiu explorar o xardín dun xeito activo e colaborativo.
Ao longo do percorrido, o alumnado tivo que localizar diferentes elementos do xardín, como a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a impoñente secuoia ou o coñecido “banco dos namorados”, entre outros puntos destacados.
A actividade foi todo un éxito. O alumnado participou con moito entusiasmo tanto na visita á exposición como na busca do tesouro polo xardín, convertendo a excursión nunha experiencia divertida e ao mesmo tempo educativa.
Sen dúbida, foi unha xornada moi especial para despedirnos antes das vacacións, combinando cultura, natureza e aprendizaxe nun entorno único.

