Para celebrar a chegada do final de curso, realizamos unha saída moi especial á Praia de Aguiño, onde vivimos unha auténtica aventura de exploración na costa.
Aproveitando que a marea estaba baixa, convertémonos en pequenos investigadores e investigadoras do mar, preparados para descubrir os segredos que agochaban as pozas e as rochas da praia.
Ao longo da mañá fomos observando e identificando unha gran variedade de animais mariños. Entre os nosos achados atopamos cangrexos, estrelas de mar, lebres de mar, tomates de mar, ourizos e moitas outras especies que habitan o noso litoral.
Cada descubrimento era recibido con sorpresa e entusiasmo, facendo que a curiosidade do alumnado medrase a cada paso. Foi unha oportunidade única para achegarse á natureza e coñecer de preto a riqueza dos ecosistemas mariños. Ao principio, algúns nenos e nenas mostraban certo respecto por entrar na auga, mollar os pés ou tocar os animais. Era unha experiencia nova para moitos deles e, como ocorre ás veces, a novidade viña acompañada dun pouco de inseguridade. Porén, pouco a pouco, grazas ao apoio dos compañeiros e compañeiras e á emoción dos descubrimentos, foron gañando confianza. Ao final da actividade, a maioría participaba con entusiasmo, observando os animais de preto e gozando plenamente da experiencia.
Despois dunha mañá chea de exploracións e aprendizaxes, desprazámonos a un parque próximo onde puidemos comer á sombra e descansar un pouco antes de emprender a viaxe de regreso.
Esta saída á praia de Aguiño foi unha experiencia inesquecible para todo o alumnado. Ademais de aprender sobre a fauna mariña e o medio natural, tiveron a oportunidade de superar pequenos retos persoais, convivir cos seus compañeiros e compañeiras e desfrutar dunha xornada diferente en contacto coa natureza.
Sen dúbida, unha fermosa maneira de pechar o curso: aprendendo, descubrindo e gozando xuntas!

