Con motivo da celebración do Día da Árbore, iniciamos un proxecto educativo chamado “Amadriñamos unha árbore”. Como primeiro paso, cada nivel realizou un traballo de investigación sobre varias árbores do patio escolar, afondando nas súas características, coidados necesarios e importancia ecolóxica.
A partir deste estudo nace esta guía, que recolle o coñecemento adquirido polo alumnado e pretende poñer en valor a biodiversidade presente no noso centro.
Unha vez completado o proceso de aprendizaxe, cada grupo asumiu o compromiso de coidar e observar as árbores amadriñadas, contribuíndo así ao seu benestar e á conciencia ambiental de toda a comunidade educativa.
Coa información recompilada, elaboráronse códigos QR personalizados que permiten acceder ás fichas de cada especie. Estes códigos grávanse en táboas identificativas xunto co nome común e científico da árbore, e serán colocados en breve a carón de cada exemplar no patio. Deste xeito, calquera persoa poderá identificar facilmente as árbores e consultar a información relacionada con elas.





