Despois da ola de solidariedade que demostrastes como comunidade educativa en resposta á solicitude de colaboración para completar as 9 mochilas que partirán o domingo nunha nova Flotilla, damos un pasiño máis no desenvolvemento do PDI de cara a seguir fomentando unha educación crítica, consciente e comprometida coa construción da paz. É por isto, e pola sensibilidade amosada polas familias coas vosas doazóns que queremos compartir con vós unha acción conxunta pensada por e para a infancia:
Mobilización infantil en apoio a Palestina
O domingo 12 de abril o CEIP de Barouta e a AFA Barouta, sumámonos á iniciativa que organiza a Global Sumud Galiza. A convocatoria será ás 11:30 h na Praza do Pan, onde as crianzas e familias nos xuntaremos para despois incorporarnos ás 12:00 h á mobilización da Praza do Toural. Este encontro está pensado para que as nenas e nenos poidan facer visible, tamén coa súa presenza, unha mensaxe de solidariedade, de paz e de apoio ao pobo palestino.
Como podemos participar?
🇵🇸Elaborade barquiños de papel ou cartón e/ou pancartas de apoio coas vosas nenas e nenos. Ensinémoslles que, aínda que non poidamos poñer fin a unha situación terrible para as crianzas que están sufrindo o conflito, si podemos axudar dando visibilidade á inxustiza, evitando que caian no esquecemento 🇵🇸
Espallade entre familiares, veciñanza, comunidades educativas próximas, e acheguémonos a Santiago este domingo.
Vaiamos acompañar, dar alento e moita forza ás persoas que levarán a Gaza axuda humanitaria, pero tamén esperanza e solidariedade!

