Mochilas para Gaza – Barouta coa paz, Barouta con Palestina.
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Mochilas para Gaza

No CEIP de Barouta continuamos a dar pasos dentro do noso Proxecto Documental Integrado (PDI) deste curso, “Son de Paz”, co obxectivo de educar na cultura da paz, na empatía e no compromiso social. Neste marco, poñemos en marcha unha nova proposta de aprendizaxe-servizo en colaboración coa comunidade, que busca transformar a reflexión en acción solidaria.

Ante a difícil situación que están a vivir milleiros de nenos e nenas en Gaza, queremos sumar un pequeno xesto que contribúa a levar apoio e esperanza. O vindeiro 12 de abril partirá unha nova flotilla humanitaria con destino a Gaza, e desde o noso centro colaboraremos enviando 9 mochilas solidarias con material básico.

Cada unha destas mochilas será preparada grazas á implicación das familias, que poderán participar escollendo un elemento concreto a través dun formulario premendo na seguite ligazón:

Formulario de productos para a mochila

Deste xeito, aseguramos que cada mochila conte con todo o necesario e facilitamos unha participación sinxela e equilibrada.

As mochilas incluirán materiais como roupa e calzado, botellas reutilizables, cadernos, lotes de papelería, sementes, así como pequenos xogos sen batería, pensados para ofrecer non só recursos básicos, senón tamén momentos de xogo, aprendizaxe e acompañamento emocional.

Esta iniciativa realízase en colaboración con Global Sumud Galiza, que será a encargada de canalizar o envío e facer chegar as mochilas ao seu destino.

Con propostas como esta, reafirmamos o noso compromiso cunha educación que vai máis alá da aula, promovendo valores como a solidariedade, a xustiza e o respecto polos dereitos humanos. Porque cremos que educar tamén é ensinar a mirar ao mundo con responsabilidade e actuar para melloralo.

Animamos a toda a comunidade educativa a participar e formar parte desta cadea de solidariedade.

Barouta coa paz, Barouta con Palestina

Pódcast – Mochilas pola paz:

 

Referencias:

Financiado pola Unión Europea. As opinións e puntos de vista expresados só comprometen á(s) súa(s) autora(s) ou autor(es) e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou os da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA). Nin a Unión Europea nin a EACEA poden ser considerados responsables deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.