Compartimos convosco imaxes que quedaron no carrete e que recollen propostas que levamos a cabo ao longo deste primeiro trimestre. Foron días cheos de descubrimentos, experimentación, creatividade e ilusión, e pensamos que vos gustará revivilos connosco.
🌱 A horta da escola: abonamos os bancais
Continuamos a coidar da nosa horta escolar. Participamos no abono dos bancais, aprendendo a importancia de nutrir a terra para que poida dar froitos. A actividade permitiunos falar do ciclo das plantas, do coidado do medio e do traballo cooperativo.
🐞 A chegada dos insectos pau ao laboratorio
Recibimos con moita curiosidade aos insectos pau no laboratorio. A súa chegada foi o punto de partida para observar, formular preguntas e investigar sobre este animal tan especial. Esta experiencia deu lugar a múltiples aprendizaxes que se foron recollendo ao longo das semanas.
📘 O libro sobre o insecto pau
Como peche ao proxecto iniciado coa chegada dos insectos pau, elaboramos un libro no que recompilamos toda a información e aprendizaxes adquiridas: alimentación, partes do corpo, reprodución… Un traballo que reflicte o proceso vivido e todo o que fomos descubrindo xunt@s.
🍂 Bandexa sensorial do outono
Traballamos o outono a través de múltiples propostas. Unha delas foi unha bandexa sensorial con elementos propios da estación. A manipulación, a exploración de texturas, cores e olores favoreceu a estimulación sensorial e a expresión oral, así como a conexión coa contorna natural.
🚶♀️ Saídas pola contorna
Realizamos diferentes saídas pola contorna próxima, nas que puidemos observar cambios na paisaxe, recoñecer elementos naturais e reforzar o vínculo co entorno máis próximo, sempre desde unha mirada atenta e respectuosa.
✨ Botes de luz de Nadal
Coa chegada do Nadal, elaboramos botes de luz cheos de maxia. Foi unha actividade creativa na que o alumnado experimentou con materiais (vidro), cores (branco, negro, vermello, verde) e luces, dando como resultado botes de luz decorativos cheos de simbolismo e significado e vinculados co PDI “Son de Paz”
📮 Cartas ao Apalpador
Outra das propostas máis especiais foi a escrita e envío das cartas ao Apalpador. Falamos da tradición, dos desexos e da ilusión destas datas, traballando a expresión de ideas e emocións dun xeito moi significativo para eles e elas.
🎭 Ensaios da Función de Nadal e día da Función
Durante estes últimos días tamén estivemos inmersos nos ensaios da Función de Nadal. A través da música, do movemento e da expresión corporal, o alumnado participou con entusiasmo, gañando confianza e gozando do traballo en grupo: elaboramos os desexos, construimos con caixas a árbore e a casa, gravamos os texto en RadioBarouta … pero sobre todo achegámonos a lugares onde a celebración destas festas está condicionada pola situación actual de conflicto.
O venres 19 tivo lugar a función. Amosámosvos algunhas imaxes do resultado final. Nuns días estará dispoñible o vídeo e poderedes ver “Barouta en acción: cos pés na terra” ao completo.
🖼️ Imaxes de Ugur Gallen para o calendario da escola
Traballamos con imaxes do artista Ugur Gallen como punto de partida para reflexionar, observar e dialogar. Esta proposta (vinculada co PDI “SOn de Paz” e os Dereitos Humanos), formou parte do proceso creativo do calendario da escola, fomentando unha mirada crítica e sensible cara ao mundo.
Agardamos que desfrutedes das imaxes tanto coma nós das experiencias. Grazas por acompañarnos sempre neste camiño de aprendizaxe compartida.
Feliz solsticio de inverno! 🎄✨⭐

