Novidades AFA – Setembro 2025.
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Boas familias!

Como xa sabedes esta semana tivemos a asemblea ordinaria de comezo de curso. Grazas a todas as persoas asistentes por acompañarnos!

Para as que non puidestes vir, lembrámosvos que podedes consultar a información das asembleas no apartado “Documentación AFA” do despregable da AFA na web. Alí colgamos as actas, nas que se detalla todo o que se falou. A da última xuntanza estará publicada pronto, pero mentres tanto queremos compartir con vós algunhas das novidades máis destacadas:

Nesta ocasión o único punto sometido a votación foi o da actualización da cota anual de socias. Propúxose incrementar a contía dos 15 euros actuais a 20 euros, proposta que foi aprobada por unanimidade.

As persoas que xa teñades os vosos recibos domiciliados con anterioridade non tendes que facer nada: o cargo realizarase a finais de mes.

Tamén comentarvos que as persoas asociadas recibiredes por Whatsapp unha mensaxe co novo carné de socias, esta vez en formato dixital, que mantén os mesmos beneficios do curso pasado. E se aínda non es socia, estás a tempo!

Extraescolares:

Recordade que temos xornadas de portas abertas nas extraescolares  entre os días 24 e 30 deste mes. As crianzas poden vir probar calquera das actividades ofertadas no mesmo horario no que se desenvolverán, a excepción de:

  1. -Teatro: non se realizará xornada específica de portas abertas. Si algunha crianza quere probar a actividade poderá facelo en calquera momento, sempre que haxa prazas dispoñibles.
  2. -Guitarra: que será o martes 23 de 16:30 a 17:30h. Lembrade que este mesmo día está convocada a asemblea de centro, polo que as crianzas ademáis de divertirse con Biosbardos poderán probar a actividade.

Non é necesario realizar ningún trámite, simplemente acudir!

En canto teñamos os grupos pechados, publicaremos o cadro definitivo e poñerémonos en contacto coas familias para informar se se forma ou non grupo nas actividades elixidas. As actividades darán comezo a partir do 1 de outubro.

Grazas familias!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.