O Día do Libro no noso cole: ler, compartir e gozar
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Con motivo do Día do Libro, en todos os ciclos do noso cole leváronse a cabo distintas actividades propostas para achegar o alumnado ao mundo da lectura.

Nesta ocasión, queremos compartir dúas delas:

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria participou nunha actividade moi especial de lectura compartida.
Aproveitando o entorno privilexiado do noso patio, os nenos e nenas saíron ao aire libre para ler en parellas, formadas por un alumno ou alumna de 1º e outro de 2º. A dinámica consistiu en que cada un lle lía o seu libro ao compañeiro, favorecendo así un intercambio moi enriquecedor.
Os maiores puideron exercer de modelo lector, acompañando e axudando aos máis pequenos, mentres que os de 1º tiveron a oportunidade de gañar confianza, mellorar a súa fluidez e gozar do pracer de ler en voz alta. Todo isto nun ambiente tranquilo, rodeados de natureza e onde se crearon pequenos recunchos de lectura cheos de concentración e goce.

En Educación Infantil, o Día do Libro tamén se viviu dunha maneira moi especial. As mestras prepararon unha sesión de lectura na que os nenos e nenas puideron escoitar e gozar de varias historias na biblioteca e na zona exterior.
Durante a actividade, o alumnado escoitou con atención os contos “É tempo de andar” de Kim Sena e “Nós estamos aquí. Apuntamentos para vivirmos no planeta Terra” de Oliver Jeffers, e deixáronse levar polas imaxes e as palabras.
Sentados en grupo, os nenos e nenas compartiron este momento de escoita, imaxinación e descubrimento, demostrando que o gusto polos libros comeza dende os primeiros anos.

Celebrar o Día do Libro desta maneira recórdanos a importancia de crear momentos compartidos arredor da lectura, adaptados a cada idade, e de seguir fomentando o amor polos libros dentro e fóra da aula.

Consulta o vídeo do día nesta ligazón:

Vídeo Día do Libro 2026

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.