Familias,
Chegamos ao final dun intenso curso e tamén dun intenso percorrido de aprendizaxe no marco do noso Proxecto Documental Integrado “Son de Paz”. Durante meses investigamos, preguntamos, observamos, dialogamos, emocionámonos e, sobre todo, aprendemos a mirar o mundo con ollos máis críticos e máis humanos.
Na publicación que atoparedes a continuación poderedes ver algunhas imaxes da montaxe da exposición.
Tamén veredes imaxes do propio día no que o Museo Barouta abriu as súas portas ás familias. Un espazo no que quedou reflectido todo o traballo realizado polo alumnado de Educación Infantil ao longo do curso: os seus descubrimentos, as súas investigacións, as preguntas que foron xurdindo, as reflexións compartidas, as creacións artísticas e, especialmente, a súa enorme capacidade para comprender e empatizar coa realidade doutras nenas e nenos.
A exposición non foi só unha mostra de traballos, senón o resultado dun proceso educativo no que fomos construíndo coñecemento desde a curiosidade, o respecto e o pensamento crítico. Achegámonos a realidades complexas falando dos dereitos da infancia, da importancia da paz, da solidariedade e da necesidade de non permanecer indiferentes ante as inxustizas.
Sabemos que moitas destas realidades acontecen lonxe de nós, pero tamén aprendemos que vivimos nun mundo interconectado e que pechar os ollos ao sufrimento doutras persoas non contribúe a construír unha sociedade mellor. Educar para a paz significa formar cidadáns e cidadás capaces de escoitar, comprender, respectar a diversidade e actuar con empatía, entendendo que cada pequeno xesto conta.
Grazas por acompañarnos durante este camiño e por formar parte dunha comunidade educativa que aposta por educar desde os valores, o diálogo e o compromiso cunha sociedade plural, máis xusta e máis humana.
Agardamos que disfrutedes das imaxes tanto como nós desfrutamos vivindo cada un destes momentos.








