Ola tribo,
Arrancamos coa primeira secuencia de recantos deste curso xa hai uns días. O eixo é o universo: movementos da Terra e a Lúa.
Como viñamos facendo a final do curso pasado o alumnado ten unha folla de rexistro na que marcar as propostas elaboradas e móvense libremente polos diferentes recantos, cada recanto ten un aforo e se está completo deberán escoller outro. Hai 8 recantos obrigatorios e 2 voluntarios, deste xeito podemos respectar o ritmo de traballo de cada persoa. Os recantos foron previamente explicados e ademais teñen instrucións que permiten a autonomía do alumnado para a súa realización. Estes son os recantos.
Ditado de palabras: curiosidades sobre a lúa.
Neste recanto ao tempo que traballamos a conciencia léxica (separación de palabras) que foi unha necesidade que se detectou na avaliación inicial, aprendemos curiosidades sobre o satélite natural da Terra. É unha proposta grupal na que unha persoa le unha frase e as outras poñen un pompón por cada palabra, comprobamos que todas teñamos os mesmos, chegamos acordo e correximos (coa folla que é autocorrectora).
Fotografías.
Por parellas realizan catro fotos de cada persoa que empregaremos para futuras propostas. Así adestran a mirada e deixan saír á fotógrafa que levan dentro.
Movementos da Terra.
Len dous textos informativos sobre o movemento de rotación e translación da Terra na páxina da Nasa Kids. Despois deben elaborar dúas preguntas coas súas respostas sobre esta información para un xogo que faremos, teñen que verificar que a pregunta non está repetida. Despois elaboran unha maqueta miniatura que represente eses movementos. Traballamos deste xeitos os contidos específicos de ciencias sociais, a comprensión lectora, a expresión escrita e a capacidade de facernos preguntas.
Fases da Lúa.
Tras ter experimentado coa luz as diferentes fases da Lúa, lemos información sobre isto e sobre a propia Lúa e elaboramos un modelo das fases da Lúa. Traballamos así os contidos específicos de ciencias socias e a comprensión lectora.
Investiga.
Unha das propostas voluntarias é escoller un aspecto relacionado co universo e preparar unha pequena presentación para o resto da clase. Partindo da bibliografía que se atopa nun recanto da aula.
O meu ceo imaxinado.
Partindo do libro “El cielo imaginado“, o alumnado elabora un microrrelato imaxinando que son para elas e eles as estrelas e crean nun bote o seu propio ceo estrelado. Esta proposta de creación artística e literaria busca deixar voar a súa imaxinación.
Zona de xogos.
Esta é unha zona que será estable nas diferentes propostas de recantos e que se elabora de xeito colaborativo coa AL do centro. As propostas son xogos que permiten exercitar funcións executivas como atención, concentración, inferencias … e tamén aspectos lingüísticos como comprensión lectora, campos semánticos… Neste caso as propostas son o Dooble e o Turbo Lector.
Xogos matemáticos.
Trátase de tres propostas de xogos matemáticos que permiten ao alumnado revisar e continuar na memorización das táboas de multiplicar ao tempo que len as instrucións, xestionan os diferentes momentos de xogo…
Inventa unha carta.
Esta proposta voluntaria pide ao alumndao que partindo dun xogo de cartas da proposta de xogos matemáticos elaboren a súa propia carta con personaxes do universo. Os valores dos poderes son operacións matemáticas que propoñen tendo en conta que pode gañar o que teña máis puntos ou o que menos segundo a situación.
Solicitude tola.
Tras traballar na aula o texto da solicitude agora pasamos a unha proposta para revisar este texto que implica deixar voar a imaxinación e seguindo os dados de palabras deben escribir unha solicitude tola.
RECURSOS:
Deixo a continuación unha serie de enlaces de vídeos e información relativa ao universo que empregamos na clase e resultaron ser de interese para o alumnado.
- Movemento real do Sol e os planetas: https://www.youtube.com/shorts/uDcAkZL10Xw
- Por que sempre vemos a mesma cara da Lúa:
- Ciclo lunar:
- Demostración fases lúa: https://www.youtube.com/watch?v=wz01pTvuMa0
- Movementos da Terra: https://www.facebook.com/watch/?v=588272613434687
- Páxina NasaKids para investigar: https://spaceplace.nasa.gov/sp/
- Rotación: https://spaceplace.nasa.gov/days/sp/
- Traslación: https://spaceplace.nasa.gov/seasons/sp/
- Equinocio de outono: https://www.nationalgeographic.es/ciencia/equinoccio-otono-todo-necesitas-saber
- Velocidade da Terra: https://outreach.iac.es/cosmoeduca/relatividad/anexos/movimientos.htm


