Proxecto mascota
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Ola tribo!
Hai un tempo que vimos traballando sobre un proxecto que chamamos Proxecto Mascota, non está finalizado mais gustaríanos contarvos en que punto estamos.
Comezamos o curso escribindo e compartindo os desexos para este ano e recordando os do ano pasado. Un desexo que se repite moito é o de ter unha mascota na aula, así que vimos necesario valorar esta posibilidade.
Fixemos unha listaxe inicial de pros e contras de ter unha mascota na aula. Traballando así a argumentación e as listas.
Despois tocou investigar sobre algúns aspectos: as 5 Liberdades do Benestar Animal, as nosas obrigas como titores e titoras dun animal recollidas na Lei de Benestar Animal, os beneficios de convivir cun animal e elaborar un presuposto para saber os gastos a asumir.
Con todo isto, ademais de outras moitas cousas, traballamos: a comprensión oral e escrita, sinalar as ideas principais dun texto, a estimación, a suma, a multiplicación…

Feito isto organizamos un debate. A aula dividiuse en dous equipos un conformado polas persoas que tras todo o investigado crían que a mellor decisión era ter un animal e aquelas que crían que non. Dúas compañeiras estaban indecisas e exerceron de moderadoras: preparando preguntas, organizando tempos… Os outros dous equipos preparáronse para defender as súas posturas con argumentos baseados na información que tiñan. Isto permitiu traballar a argumentación, a expresión oral, a espontaneidade e o formato do propio debate.

 

 

Feito o debate procedemos a votar… sendo os resultados: 10 a favor, 10 en contra e 5 en branco. E a pregunta foi: e agora que?
Con estes resultados… xurdiu unha nova proposta o amadriñamento/apadriñamento. Tras buscar algo de información atopamos dous lugares próximos O Fogar do meu Burro e Bando que permiten esta opción. Volvemos botar e esta vez 14 botos foron para o amadriñamento. Polo que continuamos explorando esta opción: por equipos escribimos emails para estas organizacións, pensamos opcións para recadar fondos para realizar os apadriñamentos e tras recibir resposta fomos contestando os emails. Traballando así este tipo de texto tamén.

Neste momento estamos á espera dunha chamada de Bando e de concertar unha visita ao Fogar do Meu Burro que soubemos que pechará as súas portas pero que os burriños estarán preto e podemos amadriñalos igualmente.

Como vedes este desexo dou varias reviravoltas inesperadas… e CONTINUARÁ!

Ver tódalas imaxes no ábum

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.