Reclamación de aumento da dotación de persoal para o CEIP de Barouta.
Tempo de lectura: 2 minutos. 

Benqueridas familias,

como a maioría de vós xa sabedes, estamos traballando para presentar unha reclamación ante Inspección Educativa solicitando un aumento da dotación de persoal para a nosa escola.

A situación que temos a día de hoxe no CEIP é que hai 49 crianzas diagnosticadas con algún tipo de diversidade, nun colexio no que a demanda de prazas obriga a baremar cada ano.

Para atender todas estas necesidades na escola só dispoñemos dun orientador a media xornada, un especialista en Audición e Linguaxe que nin sequera está en catálogo (cada ano é contratado segundo as necesidades do centro) e dous especialistas en PT (dos cales un tamén é contratado por necesidades).

Botando contas, o tempo que poden adicar os especialistas a cada unha das nenas e nenos no curso é irrisorio, por non falar do tempo que as crianzas e familias teñen que esperar para ser avaliados polo profesional correspondente.

Por outra banda, é totalmente necesario que contemos cun auxiliar administrativo no centro, xa que, ata o de agora a equipa directiva é a que está asumindo estas funcións. Isto conleva a que a atención e os trámites que hai que realizar no CEIP teñan que ser levados a cabo nun horario moi reducido (o que non sempre facilita o acceso ás familias) e tamén a unha sobrecarga do profesorado.

Por todo isto, resulta imprescindible actualizar o cadro de persoal de xeito que todas as crianzas poidan disfrutar dunha educación pública de calidade.

Solicitamos pois, que como mínimo se aumente a dotación en:

– Un orientador/a a xornada completa.

– Dous especialistas en Audición e Linguaxe a xornada completa en catálogo no centro.

– Unha praza máis de especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) a xornada completa en catálogo.

– Un auxiliar administrativo/a.

Todo isto foi reclamado con anterioridade polo centro sen resposta positiva algunha. Así que, é o momento de que as familias actuemos!

Para acompañar o escrito de reclamación estamos levando a cabo unha recollida de sinaturas. Cantas máis mellor!

Para facilitar o acceso a que toda a comunidade poida asinar hai follas dispoñibles na conserxería do centro e estaremos presentes nas vindeiras xuntanzas da comunidade.

Podedes contactar con nós para calquera dúbida que vos poida xurdir.

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

Saúdos,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.