Ola tribo, Despois dun curso no que cociñamos unha chea de pratos chegamos ao final con dúas sobremesas ben apetecibles e saudables.
Este ano no menú incluímos moitas asembleas, recantos, visitas de familias, unha manchea de saídas (Campolameiro, Broña, Exposición Vikingos, A granxa de vacas, A casa do Patrón, ao concerto da Filarmonía, a Feria maker…); teatro Operación Apalpador e o peche do Entroido co Testamento do Burro e o Enterro da Sardiña; proxectos como o Proxecto Mascota, Presuposto de Biblio-aula, Alianza Atlántica, Plástico con Patacas, O noso Maio e libro do ciclo do ano, o proxecto clase para a reestruturación da aula, As maquis…
Tamén na carta incluímos grupos mixtos con arte, robótica, radio, matemáticas, ciencia…, sementamos na horta trigo sarraceno, fixemos presentacións… Aliñamos todo co modo galego, tempos libres, debates e conmemoracións 25N, 8M, día de Rosalía, Letras Galegas…
E sobre todo moita moita TRIBO.
E para rematar unha boa Paparouta é indispensable unha boa sobremesa. Unha última semana chea de saídas, festiña, despedidas e moito amor de tribo. Ademais da saída a Campolameiro que compartimos coas nosas compañeiras e compañeiros de ciclo fixemos a nosa saída a Boiro. A tribo fixo a petición de realizar unha última saída a praia, foi un proceso moi enriquecedor en asemblea fíxose e aprobouse a proposta. Nas seguintes asembleas o alumnado trouxo propostas concretas de saída a diferentes lugares e tras ser debatido decidiuse facer a propostas de Boiro.
Ese día tivemos unha sorpresiña recibimos a visita de alguén da tribo Joy! A saída incluíu: visita ao castro de Neixón vinculado coa idade Antiga que estabamos a traballar na aula, mañá de praia en Boiro con baño incluído, comida na sombra e desfrutar do parque de aventuras á beira da praia. Foi un día de convivencia moi divertido e fermoso que nos fai rematar o menú deste curso cun moi bo sabor de boca, e ademais saudable!
E o venres para rematar foi un día de sorpresas e Romaría da que pronto poderedes ver algúns recordos na nosa web! Fixeron parte da tribo este ano unha presiña de mestras ben xeitosa: Camilo, Merche, Silvia, Gabi, Marta, Alonso, Lucía, Juan, Laura, e Adela grazas a todas pola súa implicación e dedicación.
Tamén vós, as familias xogastes un papel fundamental vindo compartir momentos con nós, invitándonos a saír e acompañando cada día dende a casa. Moitas grazas pola vosa implicación e acompañarnos nas nosas ideotas!!!
E sobre todo a tribo construírona eles e elas as 25 nenas e nenos que forman este grupo, grazas polo voso entusiasmo, curiosidade e implicación!
Foi unha sorte e un pracer formar parte da tribo como mestra, foi un gran reto do que aprendín moitísimo, ilusioneime e do síntome moi feliz do compartido. Agora pechamos por vacacións e o próximo curso… Seguimos construíndo xuntas e xuntos a gran tribo de Barouta!!


