“Son de Paz” | PDI 2025/2026
Presentación PDI 2026
Tempo de lectura: 2 minutos. 

De xente anónima, xente sufrida, xente explotada aprendín, sobre todo, que a Paz é fundamental, indispensable, pero que a Paz implica loitar por ela. A paz créase, constrúese na e pola superación de realidades sociais perversas. A paz créase, constrúese na incesante construción da xustiza social. Por iso, non creo en ningún esforzo chamado ‘educación para a paz’ que, en lugar de desvelar o mundo das inxustizas, o faga opaco e tente miopizar ás súas vítimas.

Paulo Freire, discurso ao recibir o Premio UNESCO de Educación para a Paz, París, 1986.

 

O PDI deste curso ten por título Son de Paz, partindo da realidade actual o obxectivo é fomentar unha educación crítica, consciente e comprometida coa construción da paz, promovendo a reflexión sobre as inxustizas sociais e os conflitos violentos, como o xenocidio en Gaza. Entendendo que a paz non é un estado pasivo senón un proceso de loita pola xustiza social, o PDI busca capacitar ao alumnado para identificar, analizar e actuar ante as desigualdades e violacións de dereitos humanos, desenvolvendo actitudes de empatía, responsabilidade e compromiso cidadán.

E tamén compre enteder a Paz dende o cotiá, dente a realidade máis próxima: convivir na cooperación (no traballo de aula, nas comisións, no claustro…), dende o respecto aos ritmos e necesidades individuais, dende espazos de expresión respectuosa e libre como as asembleas, no coidado a unha mesma, á outra, ao mundo… poñendo e aceptando límites, loitando e construíndo xuntas.

O PDI conecta cos valores da Unión Europea e polo tanto co proxecto Jean Monnet no que se refire a: o respecto polos dereitos humanos, a democracia e cidadanía activa, a solidariedade e non discriminación, e a tolerancia e convivencia. En esencia, educa para actuar fronte ás inxustizas e construir unha sociedade máis xusta, inclusiva e pacífica.

Todas as actividades e dinámicas estarán encadradas nas liñas básicas do proxecto educativo do centro: inclusión, feminismo, sostibilidade e en galego (utilización da língua inglesa para as dinámicas específicas desta materia).

Se aínda non escoitastes o Podcast de Presentación do PDI en Radio Barouta, podédelo atopar aquí no apartado de Timbre Musical

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.