Ao longo deste curso, no marco do noso Proxecto Documental Integrado (PDI) “Son de Paz”, as nenas e os nenos de 2º ciclo de Educación Infantil emprenderon unha viaxe de investigación, descubrimento, aprendizaxe e empatía arredor da cultura, a historia e a realidade da infancia en Palestina.
Partindo das súas preguntas, curiosidades e reflexións, fomos construíndo entre todas e todos un proxecto que nos permitiu coñecer un pouco mellor un pobo cunha enorme riqueza cultural e, ao mesmo tempo, achegarnos á situación real que viven moitas nenas e nenos palestinos, relacionándoa cos Dereitos da Infancia.
Para comprender mellor a situación actual, tamén investigamos como era Palestina antes do conflito e como cambiou a vida das persoas, especialmente das crianzas, durante os últimos anos. As crianzas descubriron cidades, paisaxes, escolas, mercados, espazos de lecer e tradicións culturais que forman parte da vida cotiá dun pobo que quere seguir vivindo, creando e soñando malia as dificultades.
Descubriron a beleza e a tradición da cerámica de Hebrón, unha artesanía centenaria caracterizada polas súas cores vivas ( a cor Azul Hebrón) e os seus motivos decorativos. Observamos pezas, analizamos formas e deseños e mesmo realizamos as nosas propias creacións artísticas inspiradas neste importante patrimonio cultural.

A arte foi tamén unha das grandes protagonistas do proxecto. Achegámonos á obra de artistas palestinos como Malak Mattar, quen comezou a pintar sendo moi nova e converteu a súa arte nunha ferramenta para expresar esperanza, identidade e resistencia.Tamén coñecemos a obra de Nabil Anani, considerado unha das figuras máis destacadas da arte contemporánea palestina, cuxas creacións están profundamente ligadas á terra, á memoria e á identidade do seu pobo. A través das súas obras, as crianzas observaron cores, formas e mensaxes, dialogaron sobre o que lles transmitían e realizaron interpretacións propias, empregando a arte como medio de expresión e comunicación.
Outro dos aspectos investigados foron os símbolos palestinos de loita, resistencia e identidade, como a oliveira, a sandía, a chave do retorno, o olivo, a papoula, o Suimanga, as laranxas de Jaffa, o bordado tradicional ou a kufiya. Estes elementos convertéronse en importantes fontes de aprendizaxe que permitiron ás crianzas comprender como os pobos constrúen e conservan a súa identidade cultural mesmo en situacións difíciles.
Ao longo de todo o curso fomos recompilando información, elaborando murais, creando producións artísticas, rexistrando descubrimentos e compartindo reflexións. Cada nova aprendizaxe serviu para seguir construíndo coñecemento e para desenvolver valores fundamentais como a empatía, o respecto, a solidariedade e a defensa dos dereitos humanos.
Mais nesta investigación ocuparon un lugar moi destacado os Dereitos da Infancia, converténdose nun dos eixes centrais do proxecto. As nenas e os nenos reflexionaron sobre os dereitos que deberían estar garantidos para toda a infancia do mundo e analizaron como moitos deles están sendo vulnerados na realidade que viven as crianzas palestinas.
Investigamos sobre o dereito á familia, o dereito á vida, o dereito á identidade, o dereito ao xogo, o dereito á saúde, o dereito á alimentación, o dereito á igualdade, o dereito á vivenda e o dereito á educación, entre outros. A través de imaxes, noticias adaptadas, testemuños, conversas e actividades de aula, fomos comprendendo que moitas nenas e nenos en Palestina non poden gozar plenamente destes dereitos fundamentais.
Outra parte importante do noso traballo foi a investigación sobre a Flotilla da Liberdade. As crianzas interesáronse por saber quen son as persoas que participan nela, de onde parten as embarcacións, cales son os seus obxectivos e que tipo de axuda transportan. A través desta investigación coñecemos iniciativas solidarias que buscan levar alimentos, medicamentos e outros recursos básicos á poboación palestina, ao tempo que reclaman o respecto polos dereitos humanos e pola dignidade das persoas.
Todo este traballo culminou o pasado venres 5 de xuño coa exposición “Dereitos da Infancia, en Palestina, dereitos roubados”, unha mostra que recolleu o investigado, o aprendido, o reflexionado e o creado polas crianzas ao longo deste proxecto. Nela puideron verse os diferentes materiais elaborados, as producións artísticas inspiradas na cultura palestina, as investigacións realizadas, as reflexións compartidas sobre os dereitos que deberían estar garantidos para todas as nenas e nenos do mundo e os bos desexos para unha poboación duramente castigada pola situación actual.
Esta exposición constituiu o peche dun percorrido educativo que foi moito máis alá da adquisición de coñecementos. Foi unha oportunidade para formar cidadás e cidadáns crític@s, sensibles e comprometidos cun mundo máis xusto, entendendo que a paz non é só a ausencia de guerra, senón tamén a garantía dos dereitos, da dignidade e das oportunidades para todas as persoas.
Porque educar para a paz é tamén aprender a mirar o mundo con ollos de infancia, escoitar outras realidades e alzar a voz cando os dereitos das nenas e dos nenos son vulnerados.
No seguinte enlace podedes ver imaxes de como foi sucedendo todo este proceso e en vindeiras publicacións compartiremos fotos da exposición.




