O venres 6 de marzo celebramos o 8M en Barouta.
Foi unha xornada intensa onde 8 mulleres de diferentes ámbitos puxeron voz á súa historia.
O acto iniciouse coa inauguración das placas que pasan a poñer nome aos nosos espazos, e posteriormente o alumnado moveuse a través de dúas quendas visitando ás mulleres que elexiron previamente.
A xornada rematou cun encontro no espazo Paula Carballeira, onde fixemos un acto de despedida cantando O.D.A. de Guadi Galego e lemos o manifesto:
MANIFESTO 8M – Barouta 2026
ELAS CONTAN
Só coa voz de todas podemos construir a paz.Benvidas, benvidos, benvides.
Hoxe estamos aquí para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Xuntámonos para reivindicar, para alzar a voz, para dicir que a igualdade non pode seguir esperando.O 8M comezou no século XX con actos e encontros entre mulleres que decidiron organizarse para denunciar e visibilizar as súas demandas: o dereito ao voto, o acceso á educación, a independencia económica, o reparto dos coidados, melloras nas condicións laborais —que eran moi duras— e o mesmo salario que os homes, que cobraban máis por igual traballo. Mentres tanto, os homes ocupaban os postos de poder e só eles tiñan acceso a determinadasprofesións.
Nada do que temos hoxe foi regalado. Foi loitado. Foi conquistado.
É certo que esta realidade foi mudando. Pero tamén é certo que a igualdade real aínda non chegou. No noso Estado, as mulleres seguen tendo peores taxas de emprego, máis precariedade laboral e máis paro. Segue existindo a fenda salarial. Moitas mulleres continúan asumindo a maior parte dos coidados. E, o máis grave, seguimos asistindo a situacións de violencia e discriminación polo simple feito de ser mulleres.Necesitamos paz, especialmente neste momento no que o mundo está en guerra, onde os estados compiten entre si por territorio, petróleo, materias primas… cartos, en definitiva! Esquecendo a humanidade, esquecendo que todos e todas somos persoas que aprendemos, xogamos, nos equivocamos, durmimos, amamos e soñamos. E é por iso que todas e todos deberiamos ter os mesmos dereitos.
Non pode haber paz sen xustiza.
Non pode haber xustiza sen igualdade.
Para construír un mundo mellor, un mundo de paz, é necesario facelo entre todas: creando redes de axuda, visibilizando as inxustizas, dando argumentos fronte os discursos de odio, promovendo o diálogo, defendendo os dereitos humanos cada día nas aulas, nas casas, na rúa. Para iso precisamos que todas, todos e todes poidamos vivir en igualdade e liberdade, con empatía e respecto.As mulleres e as nenas queremos dicir alto e claro:
NON SOMOS INVISIBLES!
NÓS TAMÉN CONTAMOS!Ocupamos un lugar no mundo, un lugar que é noso, e non imos renunciar a el.
Hoxe contamos con estas oito mulleres que ocupan o seu lugar e que, dende hoxe, tamén ocupan un lugar en Barouta. Mulleres con nome propio, referentes en diferentes ámbitos. Mulleres que abren camiño, que rompen teitos, que amplían horizontes. Referentes que fan medrar nas nenas e nas mulleres a semente da posibilidade: a posibilidade de soñar sen límites, a posibilidade de escoller, a posibilidade de ser quen queiran ser de ocupar o lugar desexado.E elas tamén son referentes para nós, nenos e homes. Referentes das que aprender que podemos estar no mundo doutros xeitos, que todas e todos temos lugar e agradecer e aprender das súas achegas nos diferentes ámbitos.
Grazas Alicia Bruzos, Araceli Gonda, Carme Freire, Elena Ferro, Guadi Galego, Patricia de Lorenzo, Paula Carballeira e Sandra Garrido. Dende hoxe habitaremos o mundo e as aulas dun novo xeito, máis libre, máis igual.
Seguimos camiñando e construíndo xuntas.
Descargar manifesto 8M 2026 Barouta PDF
Estamos eternamente agradecidos a estas 8 mulleres por ser referentes e por acudir ao noso centro nesta xornada tan importante.
Algunhas imaxes da xornada:
Un breve resumo en vídeo:

























