Xornada de construción: hotel de insectos.
Tempo de lectura: < 1 minuto. 

Na tarde do 29 de maio desenvolveuse unha xornada de traballo comunitario organizada pola Comisión Mixta de Contorna, na que familias, alumnado e profesorado do CEIP de Barouta participaron na creación dun espazo para favorecer a biodiversidade asociado ao estanque do patio escolar, coa colaboración e guía de ARENARIA COORDINACIÓN. Ao inicio da actividade incorporouse tamén o alumnado que se atopaba no patio durante o tempo de comedor.

A localización deste hotel xunto á auga busca crear un ecosistema completo no colexio a través de tres obxectivos clave:

1. Multiplicar a biodiversidade: Atrae insectos polinizadores e especies beneficiosas que controlan as pragas de xeito natural.
2. Equilibrar a cadea trófica: Ofrece refuxio invernal e alimento para os anfibios e aves que visitan o estanque.
3. Crear unha “aula viva”: Funciona como un laboratorio natural para que o alumnado observe e respecte os ciclos ambientais.

Durante a xornada colocáronse na estrutura diversos materiais naturais achegados polas familias e os recollidos no monte polas crianzas de Educación Infantil. A segunda estrutura, construída previamente por Óscar, trasladouse á horta, onde se rematará de encher co alumnado ao longo do vindeiro curso.

Antes de rematar, as persoas participantes compartiron algúns doces achegados polas familias. Queremos agradecer a implicación de todas as persoas que contribuíron a facer do noso patio un espazo máis rico, vivo e respectuoso coa contorna.

Ver imaxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.